Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia
A Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia queda modificada como segue:
Un. Engádese un novo punto segundo bis coa seguinte redacción:
«Segundo bis. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso ao interior dos establecementos de hostalaría e restauración.
1. A medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos prevista no número 2 deste punto, con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do establecido nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, será aplicable aos seguintes supostos:
a) Para o acceso ao interior dos establecementos que teñan título habilitante de restaurante e salóns de banquetes. Porén, só será necesaria a exhibición dos certificados nos establecementos indicados para as actividades que se limiten ao servizo de cafetaría e bar a partir das 21.00 horas.
b) Para o acceso ao interior dos establecementos que conten con título habilitante de cafetarías, bares e furanchos, a partir das 21.00 horas.
Non será necesaria a exhibición de documentación para a prestación do servizo en terrazas situadas no exterior.
En particular, esta medida de seguridade sanitaria adóptase como condición para manter as capacidades máximas e os horarios dos establecementos previstas no anexo I desta orde, atendida a situación epidemiolóxica actual, constituíndo, deste xeito, unha medida alternativa menos gravosa para a consecución do fin proposto de saúde pública con igual eficacia que limitar ou establecer novas restricións ás citadas capacidades máximas e horarios.
2. Nos supostos indicados no punto anterior, o acceso ao interior dos locais por parte das persoas maiores de 12 anos requirirá da presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:
1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.
2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa.
3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non será válido outro tipo de test.
3. A medida adóptase con carácter temporal, atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible neste momento, e busca asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, de acordo co establecido no artigo 38.ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo.
A medida poderá ser revisada unha vez atendidas as probas e a información científica existentes en cada momento.
4. Ademais do disposto no número 1, os requisitos establecidos para o acceso consideraranse, para os efectos do recollido no número 1 do artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, como condicións de seguridade sanitaria para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, polo que, de acordo co número 2 do artigo 23 desta lei, as persoas titulares dos establecementos ou o seu persoal terán a obrigación de realizar o control do cumprimento da medida de seguridade sanitaria, polo que non se permitirá o acceso das persoas que non exhiban a documentación requirida, que será necesaria para o acceso e a prestación dos correspondentes servizos ao cliente.
5. Co obxecto de procurar a máxima garantía da privacidade e da intimidade das persoas, a exhibición da información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada polas persoas titulares dos establecementos ou polo seu persoal no momento do acceso ao interior e para os efectos da súa mera comprobación ou verificación. En particular, de acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e da intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos establecementos a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade, do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e iOS.
A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.
6. En todo caso, as persoas titulares dos establecementos ou o persoal que realice o control de acceso están obrigados a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que accedan, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, así como ao cumprimento do indicado no punto anterior.
7. Os clientes serán informados, tanto verbalmente como a través de cartelaría visible localizada na entrada do establecemento, de acordo cos modelos que determine a Consellería de Sanidade, das medidas aplicables e do seu contido, sobre o seu carácter necesario para o acceso, así como da non conservación dos datos persoais, a súa non integración en calquera tipo de ficheiros e a inexistencia de calquera tratamento ulterior, co fin de facilitar o coñecemento da dita información por parte do cliente.
8. A posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa. As actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquietudes asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter.2.a) da Lei 8/2001».
Dous. Engádese un novo punto segundo ter coa seguinte redacción: «Segundo ter. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso ao interior dos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración.
Os establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración aplicarán a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación recollida no punto segundo bis de acordo coa natureza dos indicados servizos como de restaurante ou de cafetaría ou bar».
Tres. Engádese unha nova alínea j) do parágrafo 7 do punto terceiro, coa seguinte redacción:
«j) Incumprimento das medidas relativas á exhibición do certificado COVID para o acceso ao interior dos locais».
Segundo. Autorización xudicial, publicación e eficacia
1. Solicitarase a autorización xudicial das medidas consistentes na exhibición de documentación, previstas no punto primeiro desta orde, en canto poden implicar limitación ou restrición de dereitos fundamentais, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e publicarase a orde unha vez obtida a referida autorización.
2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 18 de decembro.
3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.